A literatura como forma de pensar a través das fronteiras.
Son catedrático de Literatura Comparada na Universidade de Santiago
de Compostela e Honorary Research Fellow na University of Glasgow.
A miña traxectoria académica desenvólvese nos ámbitos da literatura
comparada, a literatura mundial, a historia literaria e os estudos
de tradución.
Unha cuestión central ao longo da miña investigación é como viaxa
a literatura: entre linguas e sistemas literarios, a través de
fronteiras xeográficas e políticas, e por medio de institucións,
mercados, traducións e outras formas de mediación. Este interese
lévame desde a historia literaria comparada e a xeografía literaria
ao estudo da literatura mundial, a circulación, as literaturas
pequenas e minoritarias, a tradución e as relacións culturais
transnacionais.
O meu traballo máis recente pon estas cuestións en diálogo coas
humanidades ambientais e do Antropoceno. Interésanme especialmente
as condicións materiais e ecolóxicas da circulación literaria, as
relacións entre literatura e territorio, e as formas de estender a
investigación literaria máis alá dos formatos académicos
convencionais mediante a cartografía, os métodos dixitais e as
humanidades públicas.
A miña traxectoria está marcada por unha actividade internacional
continuada de investigación e docencia, con estadías e
responsabilidades no Reino Unido, China, Estados Unidos e Europa
continental. Son membro da Academia Europaea, Fellow do Stockholm
Collegium of World Literary History e membro do Board do Harvard
Institute for World Literature.